CATORCE CLUBS NÁUTICOS GALEGOS CONTAN COA CERTIFICACIÓN GALICIA CALIDADE E IMPULSAN Á COMUNIDADE COMO REFERENTE TURÍSTICO

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Sanxenxo á entrega das distincións

§  Os clubs náuticos de Boiro, Sada, Ares, Portonovo, Ribadeo, Vigo, Portosín, Rodeira, Sanxenxo, Coruña, Ribeira, San Vicente do Mar e Baiona únense ao Náutico de Sanxenxo, que xa contaba coa distinción

§  Galicia lidera o número de náuticos con Q de Calidade Turística de España, con seis de cada dez instalacións certificadas

Sanxenxo (Pontevedra), 07 de outubro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta mañá, na entrega das certificacións de Galicia Calidade a 13 clubs náuticos e a Asnauga que este distintivo confirma que a Comunidade é un referente turístico. O selo de Galicia Calidade foi concedido nun acto celebrado no Real Club Náutico de Sanxenxo no que tamén participou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través de Galicia Calidade, concedeu a licenza de uso da súa marca de garantía ás instalacións náutico deportivas do Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz (Boiro), Club Náutico Sada (Sada), Club Náutico de Ares (Ares), Club Naútico de Portonovo (Sanxenxo), Real Club Náutico de Ribadeo (Ribadeo), Real Club Náutico de Vigo (Vigo), Real Club Náutico de Portosín (Porto do Son), Real Club Náutico de Rodeira (Cangas), Real Club Náutico de Sanxenxo, Real Club Náutico da Coruña, Club Náutico Deportivo de Ribeira, Club Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) e Monte Real Club de Yates de Baiona, ademais de Asnauga.

Os 13 clubs náuticos únense ao Nauta Sanxenxo que xa contaba con esta distinción que acadaron tras superar os requisitos establecidos pola marca de garantía da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A marca de garantía galega avala deste xeito a calidade das instalacións náutico deportivas de Galicia, que lidera o número de náuticos con Q de Calidade Turística de España, con seis de cada dez instalacións certificadas.

Tal e como subliñou Conde, o traballo destes clubs, que a partir de agora serán « embaixadores » da Comunidade, achega valor engadido ás súas vilas como referentes lúdicos e deportivos e ofrecen formación teórico-práctica nunha ampla gama de deportes náuticos como vela, remo ou pesca submarina: « Traballaremos xuntos para que a nosa imaxe chegue o máis lonxe posible », afirmou.

O Presidente de Asnauga, na súa intervención destacou a labor social que fan os Clubs Náuticos dende un punto de vista deportivo, e o esforzo que con leva, toda vez que as directivas destas institucións o fan dunha maneira altruísta. Por outra banda destacou o papel dos Clubs como fomento da sostenenilidade e calidade do servizos, o ser ASNAUGA e os clubs asociados lideres en certificacións de Calidade e medio ambiente non só en Galicia se nos en España tanto na « Q » de calidade, como ISO14001 e EMAS.

Os clubs náuticos que se incorporan á plataforma Galicia Calidade Lecer avalan a aposta de Galicia Calidade e da Xunta por impulsar o turismo de calidade en Galicia e promocionar a nosa comunidade como destino náutico de referencia. Galicia Calidade Lecer agrupa establecementos de ocio, restauración e hostalería de Galicia con calidade certificada. O seu obxectivo é impulsar a calidade como elemento que marque a diferenza respecto de outros destinos turísticos, xerar confianza nos consumidores e acadar maior visibilidade e valoración dos establecementos certificados.