O CONSELLO DA XUNTA AUTORIZA O CONVENIO COA ASOCIACIÓN DE CLUBES NÁUTICOS DE GALICIA PARA A PROMOCIÓN DA RUTA TRASLATIO E IMPULSAR GALICIA COMO DESTINO TURÍSTICO NAÚTICO

— O proxecto conta con 1,3 millóns de euros para dotar de novos recursos e
infraestruturas os portos deportivos e clubs náuticos vinculados á Ruta Xacobea
— Forman parte deste proxecto os portos ou clubs náuticos de Ribeira, O Grove,
Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo
— O proxecto está incluído no marco das accións de cohesión en destino do Plan
Xacobeo NextGeneration

O Consello da Xunta autorizou hoxe a subscrición do convenio de colaboración entre a
Axencia de Turismo de Galicia e a Asociación de Clubes Náuticos de Galicia para a
promoción da Ruta Traslatio que, no marco das accións de cohesión en destino do Plan
Xacobeo NextGeneration, destina a este proxecto 1,3 millóns de euros, co obxectivo de
impulsar Galicia como destino turístico náutico. O orzamento está dividido en dúas
anualidades, das cales 936.162 € corresponden a este ano e 427.337 € ao vindeiro ano
2024.


O convenio ten como obxecto revalorizar os activos turísticos vinculados á Ruta
Traslatio, con accións de mellora da eficiencia das infraestruturas portuarias,
rehabilitación de infraestruturas e dixitalización de recursos para optimizar a
experiencia do visitante náutico a Galicia. Forman parte deste proxecto os portos ou
clubs náuticos de Ribeira, O Grove, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Boiro, A Pobra do
Caramiñal e Rianxo

Levaranse a cabo actuacións de dixitalización de recursos, creación ou mellora de
espazos para a recepción de visitantes e mellora de equipamentos turísticos, posta en
marcha de nova oferta cultural e turística relacionada coa ruta ou a mellora da oferta de
servizos dos portos deportivos e clubs náuticos coa instalación de equipamentos de
control e vixiancia intelixente, dotación de equipametos de mobilidade sustentable para
a loita contra a contaminación mariña, así como sistemas de xestión ambiental, redes
wifi e adaptación e mellora da eficiencia enerxética nas diferentes instalacións.
Con base neste proxecto, o Real Club Náutico Sanxenxo, Nauta Sanxenxo, Club Náutico
Portonovo, Club Náutico San Vicente, Club Náutico La Toja, Marina e Estación Marítima
de Vilanova de Arousa, Club Náutico Rianxo, Club Náutico Cabo de Cruz, Club Náutico
Barraña, Marina Pobra do Caramiñal e Club Náutico de Ribeira acollerán diversas
actuacións e melloras nas súas infraestruturas e servizos.