COGAMI E ASNAUGA ASINAN UN CONVENIO DE COLABORACIÓN

COGAMI e ASNAUGA a favor da participación en actividades náuticas das persoas con discapacidade

A Asociación de Clubes Náuticos de Galicia e COGAMI asinaron un convenio de colaboración co fin de facer accesibles e inclusivas a todas as persoas tanto as instalacións como as embarcación e o desenvolvemento de actividades deportivas e de lecer.

Co fin de promover contornas que garantan a non discriminación das persoas con discapacidade na participación de actividades náuticas, o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Anxo Queiruga, e o presidente da Asociación de Clubes Náuticos de Galicia (ASNAUGA), Javier Ruiz de Cortázar, asinaron un convenio de colaboración nas instalacións que COGAMI ten en Santiago.

Con este acordo, todos os clubs náuticos que forman parte de ASNAUGA comprométense a organizar actividades inclusivas e non discriminatorias para contribuír na mellora da accesibilidade tanto de infraestruturas e instalacións portuarias como das propias embarcacións de recreo.

Outro dos acordos adoptados tras este convenio é que as actividades de lecer que se deseñen van ser adaptadas a persoas con discapacidade, permitindo o desenvolvemento de capacidades de carácter físico e deportivas. Entre estas actividades atópase a de navegación a bordo do veleiro adaptado Laion, incautado pola Audiencia Nacional ao narcotráfico para cederllo en garda e custodia a unha entidade de COGAMI, sendo outra a promoción das dúas rutas establecidas na Travesía Náutica Xacobea.

ASNAUGA é unha asociación privada sen ánimo de lucro que ten por obxectivo o fomentar servizos e infraestruturas portuarias, un turismo de calidade e accesible que permita diversificar a oferta turística existente e favorecer o desenvolvemento estable do sector náutico e da economía galega, e de todo tipo de actividades deportivas relacionadas co mar e a súa formación especializada.

COGAMI conta dende o ano 2004 cunha área especializada en accesibilidade que colabora na definición de medidas de accesibilidade, axudas técnicas, ergonomía e supresión de barreiras. Ademais, está comprometida no desenvolvemento de actividades deportivas e de ocio adaptadas as persoas con discapacidade.