EDUCACIÓN E ASNAUGA COLABORAN PARA DIFUNDIR OS VALORES EDUCATIVOS ASOCIADOS AOS DEPORTES NÁUTICOS

EDUCACIÓN E ASNAUGA COLABORAN PARA DIFUNDIR OS VALORES EDUCATIVOS ASOCIADOS AOS DEPORTES NÁUTICOS

  • O conselleiro Román Rodríguez e o presidente da Asociación asinaron un convenio para fomentar o coñecemento deste tipo de actividades entre o alumnado
  • Durante a sinatura tamén estivo presente a conselleira do Mar, Rosa Quintana

Santiago, 21 de setembro de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Asociación de Náuticos de Galicia (ASNAUGA), Francisco Javier Ruíz de Cortázar Díaz, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para fomentar o coñecemento, a promoción e a difusión dos valores educativos asociados á práctica dos deportes náuticos en Galicia.

Segundo queda reflectido no acordo, en cuxa sinatura tamén estivo presente a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o departamento educativo da Xunta de Galicia encargarase de facilitar a difusión da realidade dos deportes náuticos entre os centros docentes galegos e das actividades promovidas e realizadas por ASNAUGA. Ademais, favorecerase o coñecemento por parte do profesorado vinculado á Educación Física e actividades deportivas e físicas, dos deportes náuticos e dos seus beneficios para garantir un estilo de visa saudable.

Pola súa banda, a Asociación realizará labores de difusión entre a comunidade escolar deste tipo de actividades e, así mesmo, facilitará a formación do profesorado no coñecemento e innovación didáctica desde os deportes náuticos.

Valores de respecto e goce do medio mariño

O obxectivo último deste convenio de colaboración, que estará en vigor un ano con opción a prórroga, pasa por potenciar o coñecemento dos deportes náuticos entre o alumnado galego, tendo en conta que estas actividades promoven valores como o respecto, o coidado e o goce do medio ambiente mariño a través de accións como o mergullo, a navegación, a vela ou a pesca deportiva.

Asociados
Colaboradores